O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) participa mañá nunha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

A primeira vez que a institución participou no Salón foi no ano 2015. Nesta ocasión, o CSIC participa nunha actividade que xira sobre o libro “Os nenos da varíola” e na que a autora da obra, María Solar, conversará con Marta López, científica do CSIC e xefa do grupo Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños de Instituto de Investigacións Marinas (CSIC, Vigo), e Luisa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia (Delegación Institucional).

A idea parte das “Conversas entre Ciencia e Literatura”, organizadas pola Editorial Galaxia e a Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, nos anos 2017, 2018 e 2019 coas que que percorreron centros de ensino, teatros e auditorios de Galicia. Nelas, María Solar, Marta López e Luisa Martínez debateron sobre conceptos científicos relacionados coas vacinas, abordando o contexto histórico no que se desenvolve a novela, o proceso de documentación que levou a cabo autora do libro e a importancia do método científico. O seu cometido foi o de dar a coñecer a base científica das vacinas e a relevancia que tivo a Real Expedición Filantrópica que partiu da Coruña hai pouco máis de 200 anos.

O Faladoiro Literario Científico organizado polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e que conta coa participación do CSIC, poderase seguir presencialmente (previa reserva de praza) ou en streaming a través da páxina do Salón.

A participación do CSIC no Salón do Libro Infantil e Xuvenil iniciouse no ano 2015 con obradoiros para centros escolares e familias, charlas… arredor dalgunha das liñas de investigación que a institución leva a cabo en Galicia. Continuo en 2016 (XVII edición, “Canta bichería!!), 2017 (XVIII edición, “O mundo que queremos”), 2018 (XIX edición, “Mulleres de Conto”) e 2019 (XX edición, “A revolución”).

Máis información en: www.salondolibro.gal

Reserva de praza na actividade do CSIC:
https://www.salondolibro.gal/evento/conversas-arredor-de-os-nenos-da-variola/