O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia, únese á efeméride do Seminario de Estudos Galegos (SEG), institución científica e cultural creada en 1923 e ligada á Universidade de Santiago de Compostela cuxo obxectivo principal era estudar e divulgar o patrimonio cultural galego. Integrou entre os seus membros a persoal docente e alumnado universitario, intelectuais, membros da Xeración Nós, das Irmandades da Fala e a outras personalidades sobresaíntes da cultura galega.

Neste sentido, hoxe ponse en marcha a primeira iniciativa promovida polo IEGPS, co apoio da Unidade de Cultura Científica (UCC) da Delegación do CSIC en Galicia, no marco da devandita efeméride: as “Pílulas CSIC do Seminario de Estudos Galegos”.

Trátase dun total de 12 pezas audiovisuais cuxo labor é dar a coñecer o patrimonio do Seminario que se atopa custodiado no IEGPS, herdeiro patrimonial do SEG.

A primeira pílula, “O reloxo do Seminario”, xira ao redor dunha peza de gran valor histórico, un reloxo do século XVIII doado por don Joaquín Arias Sanjurjo, intelectual, político e mecenas galego, destacado membro do SEG, que participou en gran número de iniciativas culturais da época. Esta primeira entrega, que inclúe imaxes da complexa mecánica do reloxo, a súa melodía e autómatas, contextualiza e valoriza esta peza singular.

Durante este mes de febreiro, lanzarase a segunda “Pílula CSIC do Seminario de Estudos Galegos”, que versará sobre a figura das mulleres no SEG, no marco das conmemoracións do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Esta iniciativa súmase á programación do Centenario do Seminario de Estudos Galegos coordinada pola Xunta de Galicia e na que están involucradas, xunto ao IEGPS, diferentes institucións e entidades galegas vinculadas á investigación, o coñecemento e a difusión da cultura.

URL de la versión en Castellano: https://youtu.be/-6Gs77GUmvo

URL de la versión en Gallego: https://youtu.be/S0yN2SIeH18