O Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH) organiza unha campaña anual de recollida de dentes de leite de nenos e nenas para fins científicos que abarcan desde o estudo da evolución humana ata análises forenses e odontolóxicas.
A campaña, que se desenvolve ininterrompidamente desde 2014, enmárcase no proxecto “Colección Rato Pérez”, iniciativa do grupo Antropoloxía Dental do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH) e da súa Unidade de Cultura Científica e Innovación. A colección xa abarca máis de 3.000 pezas.
En Galicia o Consello Superior de Investigacións Científica, a través da súa Unidade de Cultura Científica (Delegación Institucional), participa na campaña. Como na edición de 2019, a recollida levarase a cabo o sábado 27 de novembro no CULTURGAL (Pontevedra) coa axuda de Cornelio Filiberto (Carlos Godoy), o axudante en Galicia do Rato Pérez. Así, persoal da UCC do CSIC en Galicia estará ese día no Espazo Infantil de 11.30 a 13.30 horas recollendo os dentes de leite daquelas familias que desexen sumarse á iniciativa. Todolos participantes recibirán un diploma e un obsequio pola súa participación. Antes de entregar as pezas os país/nais/titores legais das nenas e nenos terán que cubrir un cuestionario con diversos datos e asinar un consentimento no que se informa do uso que recibirán ditas pezas.
Un dos obxectivos desta iniciativa é que persoal científico de calquera parte do mundo e de diferentes campos da ciencia, como a arqueoloxía, a antropoloxía forense, a medicina oral e dental ou a paleoantropoloxía, poida acceder en persoa ou virtualmente aos datos desta gran colección de dentes de nenas e nenos nados durante o século XXI para os seus propios estudios.
O CSIC en Galicia é a única entidade galega que participa nesta campaña de recollida de pezas dentais, aínda que desde o CENIEH confían en ampliar o alcance a outras comunidades, e levala a outros países como Arxentina e Australia.

