Organizada polo Concello de Pontevedra, Etiqueta Negra é unha cita ineludible que convoca cada ano no Recinto Feiral de Pontevedra a empresas e produtores, a profesionais da alimentación, da restauración e da distribución, así como a consumidores. Xunto á actividade da zona expositiva, na feira do gourmet galego desenvólvese un amplo programa de actividades como espectáculos de cociña en directo, charlas, presentacións de empresas, de produtos e de novas liñas gourmet, degustacións, demostracións, exhibicións, catas comentadas…

Etiqueta Negra terá lugar os días 9, 10 e 11 de novembro. A MBG participará, por primeira vez e da man de Javier Olleros, para reivindicar o valor dos cultivos autóctonos e do seu uso en restauración de alta gama.

Un dos maiores tesouros agrícolas que ten Galicia son as súas variedades autóctonas. Mais outras moitas sementes, que cultivaban os nosos antepasados, fóronse abandonando por outras novas, máis comerciais e produtivas. A MBG leva anos recuperando e conservando todas esas sementes, traballando da man de investigadores, agricultores, formadores como Ricardo Fernández -do CIFP Carlos Oroza- e cociñeiros como Javier Olleros –do restaurante Culler de Pau–, para devolver a esas variedades toda a importancia que teñen.

A relación entre Culler de Pau e a MBG remóntase aos inicios do restaurante grovense, alá polo 2009. Desta unión foron xurdiron ao longo do tempo varias iniciativas ligadas ás sementes do Banco de Xermoplasma da MBG, coa finalidade de poñer en valor o patrimonio vexetal e culinario galego ligado ás legumes, ás verduras, ao millo ou á avea. Unhas iniciativas ás que tamén se sumou o CIFP Carlos Oroza nos últimos anos.

A recuperación da biodiversidade, avanzar cara unha alimentación máis respectuosa social, económica e ambientalmente, así como resaltar a importancia da investigación e dos produtores e agricultores, son elementos comúns ás iniciativas desenvolvidas entre Culler de Pau, o CIFP Carlos Oroza e a MBG e que se presentarán por Javier Olleros, Ricardo Fernández, profesor de cociña e Pedro Peón, vicedirector técnico de I+D+I da Misión, en Etiqueta Negra no showcooking “Culler de Pau e a Misión Biolóxica de Galicia: ciencia, sementes e cociña”, que se desenvolverá o domingo 10 de novembro, ás 17.00 h, no Anfiteatro da feira. A actividade está dirixida a todos os públicos.

O chef e propietario do restaurante distinguido con dúas Estrelas Michelín e unha Verde elaborará tres pratos: un con avea moura, outro con nabiza e o último con flores e plantas da horta como ingredientes principais, combinando os sabores tradicionais galegos cun enfoque innovador. Co seu pai como referente, perfeccionou as súas habilidades nos fogóns de grandes cociñas como a de Casa Solla, Toñi Vicente, Bica do Sapato (Lisboa), Zallo Barri (Gernika), Martín Berasategui (Lasarte) ou Seiji Yamamoto (Tokio). Actualmente lidera, xunto con Amaranta Rodríguez, Culler de Pau no Grove, o seu pobo, onde sente as súas raíces e onde ten sentido o seu traballo, que ademais se nutre de todo o labor de investigación que leva a cabo en proxectos nos que colabora con outros produtores ou organismos como o CSIC. Olleros practica unha cociña de proximidade, pero de forma natural, con raíces, produtos da contorna e influencias do mundo. A súa proposta é moi intuitiva, froito da reflexión e do coñecemento, pero que se nutre do que sente e da súa bagaxe, influencias e gustos.