Unidade de Comunicación

Todo o coñecemento científico ao teu alcance

Unidade de Cultura Científica

Unha ponte entre ciencia e sociedade

Unidade de I+D+i & Transferencia

Transferencia de coñecemento

A Delegación do CSIC en Galicia estrutúrase en catro unidades —Comunicación, Cultura Científica, I+D+i e Administración e Servizos— a través das cales se lles presta apoio aos sete ICU do CSIC en Galicia no ámbito da difusión, divulgación, xestión de proxectos de investigación e transferencia de tecnoloxía, e apoio administrativo.

Unidade de Comunicación

A Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, tecnoloxía e innovación, establece como un deber das administracións públicas o fomento da comunicación e da divulgación científica, tecnolóxica e innovadora por parte dos axentes do sistema español de I+D+i. Deste xeito recoñece a importancia que estas actividades deben ter no desenvolvemento da actividade investigadora.

Neste contexto, a Delegación Institucional do CSIC en Galicia conta no seu organigrama desde hai máis dunha década cunha Unidade de Comunicación, cuxo labor principal é o de difundir á sociedade, a través de medios de comunicación, webs e perfís institucionais en redes sociais, o labor da delegación e dos sete institutos, centros e unidades do CSIC en Galicia, co fin último de alcanzar unha adecuada visibilidade e coñecemento da súa actividade.

Desde a unidade aténdense as peticións dos medios de comunicación en busca de expertos do CSIC en Galicia que expliquen a actualidade informativa relacionada coa I+D+i e promóvense acordos de colaboración con grupos de comunicación de Galicia para fomentar a visibilidade, por diversas vías, do persoal do Consello na comunidade galega.

Se es xornalista e queres recibir as nosas notas de prensa, dáte de alta aquí

Unidade de Cultura Científica

Fomentar a cultura científica e facer a ciencia máis accesible para todo o mundo é un dos compromisos do CSIC. Este labor lidérase desde a Vicepresidencia Adxunta de Cultura Científica (VACC), que coordina a Rede de unidades de cultura científica (UCC) do CSIC, repartidas por toda España, da que forma parte a UCC da Delegación do CSIC en Galicia.

O obxectivo principal da unidade é contribuír de maneira activa á alfabetización científica da sociedade, achegando a investigación que se leva a cabo nos centros do CSIC en Galicia á poboación e dándolle visibilidade.

Entre as súas funcións atópase:

  • Deseñar, coordinar e executar accións innovadoras en formatos atractivos, abordando tanto as ciencias experimentais como as ciencias humanas.
  • Facer chegar a ciencia á comunidade educativa a través de contidos rigorosos, adaptados e entretidos. Contribuír á formación do profesorado. Desenvolver recursos didácticos en diferentes formatos e poñelos á disposición da comunidade educativa e da sociedade en xeral.
  • Apoiar iniciativas e celebracións no ámbito rexional, nacional e internacional que fomenten o coñecemento científico e o pensamento crítico. Darlle visibilidade á muller na ciencia nas campañas deseñadas especificamente para iso e de forma transversal en todas as accións desenvolvidas pola UCC.
  • Implicar e darlle apoio ao persoal dos centros do CSIC en Galicia que leven a cabo iniciativas en materia de cultura científica e ás accións lideradas desde a VACC a través da Rede de UCC do CSIC.
  • Establecer vínculos de colaboración estables con outras entidades de dentro e fóra do Sistema de I+D+i en materia de cultura científica.
  • Utilizar as RRSS da unidade como vía de comunicación directa coa sociedade. Asistir a congresos e reunións profesionais para dar a coñecer as nosas accións e compartir ideas con outras UCC.

Desde a súa creación no ano 2008, a UCC do CSIC colabora con entidades públicas e privadas, pertencentes ao ámbito científico, da cultura, da educación etc. en numerosas e diversas accións.

O esforzo realizado deu como resultado a súa consolidación como axente de comunicación social da ciencia na Comunidade Autónoma galega e a súa pertenza, como membro acreditado, á Rede de unidades de cultura científica e innovación da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT, pola súa sigla en castelán).

Unidade de I+D+i & Transferencia

A Unidade de I+D+i da Delegación do CSIC en Galicia presta soporte na presentación de propostas de proxectos e contratos de investigación en convocatorias competitivas e coordínase coas delegacións de Castela e León e Asturias no apoio e seguimento dos proxectos dos programas Interreg Poctep e Atlántico que se desenvolven no CSIC.

Así mesmo, reforzou a súa estratexia de cooperación coa Vicepresidencia Adxunta de Transferencia de Coñecemento (VATC) do CSIC e préstalle asesoramento aos ICU de Galicia en materia de protección e explotación de resultados de investigación, sinatura de acordos de confidencialidade e de transferencia de material, contratos de I+D, apoio tecnolóxico, licenzas, seguimento de licenzas concedidas etc.

Unidade de Administración e Servizos

O labor da Unidade de Administración e Servizos é a xestión económica, administrativa e de persoal da Delegación do CSIC en Galicia. Para iso desenvolve o seu labor dentro das áreas de organización administrativa, asuntos económicos, recursos humanos, informática, arquivo, biblioteca, información e servizos xerais.

A súa finalidade é colaborar co resto de unidades para responder, con eficacia e eficiencia, ás súas necesidades e darlles do soporte nos procesos necesarios para o cumprimento dos seus obxectivos.