I+D+i - Transferencia

Beneficio directo para toda a sociedade

 

“Transferir os resultados da investigación científica e tecnolóxica a institucións públicas e privadas” é a segunda función que ten o CSIC, polo que a innovación e a transferencia de coñecemento é unha área prioritaria da institución en xeral e da Delegación do CSIC en Galicia en particular.

A transferencia de coñecemento é clave para achegar os resultados das investigacións ao tecido empresarial e industrial e establecer colaboracións público-privadas, o que constitúe o salto necesario para que estes resultados de investigación se traduzan nun beneficio directo para toda a sociedade. Trátase, por tanto, de valorizar a I+D+i e impulsar unha economía baseada no coñecemento.

Desde a Delegación do CSIC en Galicia prestamos apoio aos ICUs da nosa comunidade para materializar esta transferencia de coñecemento, a través das seguintes actuacións:

Protección de resultados da investigación

Asesoramento para a elección da forma máis adecuada de protección en función do resultado da investigación a protexer. As investigacións que se realizan nos ICUs de Galicia abranguen ámbitos moi diversos, desde as ciencias agrarias, as ciencias mariñas, ciencia dos alimentos, pasando polas humanidades. Esta diversidade fai que nos teñamos que adaptar ás peculiaridades de cada resultado da investigación, utilizando distintos formatos de protección como é a patente, o segredo empresarial, o rexistro de variedades vexetais, material biolóxico, entre outros.

Colaboración público-privada / investigación contratada

Asesoramento e revisión xurídica dos contratos que se establecen con entidades privadas, como empresas ou fundacións interesadas en desenvolver proxectos de investigación ou traballos de apoio tecnolóxico nos ICUs de Galicia.

Comercialización: Promoción dos resultados da investigación previamente protexidos e susceptibles de ser transferidos ao mercado, así como a negociación das condicións dos contratos de licenzas de explotación.

Seguimento: Asegurámonos de que se cumpren ao longo do tempo as condicións asinadas nos contratos e licenzas de explotación asinados coas empresas.

Dinamización: Fomento da participación en proxectos colaborativos con empresas, en procesos de compra pública innovadora, en licitacións públicas tanto nacionais como internacionais e da protección dos resultados da investigación.

Formación: Impartición de cursos e seminarios sobre transferencia de coñecemento a investigadores.