O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) contou case desde os seus inicios con Delegacións Institucionais nos diferentes territorios como un compoñente máis dentro da súa estrutura organizativa. De feito, en 1943, creáronse as de Galicia e Navarra. En Galicia estaba presidida nese momento polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, quen era asistido por vogais do ámbito académico e profesional de recoñecido prestixio.

En 1985, estableceuse unha sede da delegación na devandita comunidade autónoma, en concreto, nas instalacións do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Glicia (Santiago de Compostela), e nomeouse como delegado institucional a José Manuel Gallardo Abuín, profesor de investigación no Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo).

En 2004, a Delegación do CSIC en Galicia trasladouse á súa actual localización: un emblemático edificio —foi sede do Seminario de Estudos Galegos—, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) e situado en pleno centro histórico (rúa do Franco, 2), a escasos metros da catedral de Santiago de Compostela. O edificio, construído no século XVIII e restaurado no XX polos arquitectos Vaquero e Baselga para albergar a sede do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento —que a ocupou ata 2001—, consta de dúas plantas e conta cunha biblioteca que alberga fondos editoriais do CSIC.

Na actualidade, o CSIC conta coas seguintes delegacións e representacións institucionais: Delegación en Andalucía (inclúe a Representación de Estremadura), Delegación en Aragón (inclúe as representacións da Rioxa e Navarra), Delegación en Asturias (inclúe as representacións de Cantabria e País Vasco), Delegación en Canarias, Delegación en Castela e León, Delegación en Cataluña, Delegación en Valencia (inclúe as representacións de Illas Baleares e Murcia), Delegación en Galicia e Delegación en Madrid (inclúe a representación de Castela-A Mancha). Ademais, ten unha Delegación en Bruxelas que exerce a representación institucional do CSIC fronte aos organismos da Unión Europea.

Á fronte de cada delegación hai un delegado institucional, funcionario de carreira dalgunha das escalas científicas —profesor de investigación, investigador científico, científico titular— de organismos públicos de investigación. Noméao a Presidencia do CSIC e pode compatibilizar esta función co posto científico que viñese desempeñando ata o nomeamento.