Institutos, Centros e Unidades (ICUs)
Descubre os nosos centros e institutos de investigación
A execución das actividades de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) realízase a través de institutos de investigación, propios ou mixtos, adscritos a tres áreas científico-técnicas desde o punto de vista administrativo (Sociedade, Vida e Materia) e organizados internamente en departamentos e grupos de investigación.
En total, o CSIC ten 120 institutos de investigación, dos que cinco están en Galicia: Misión Biolóxica de Galicia (MBG, Pontevedra), Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, mixto coa Xunta de Galicia (IEGPS, Santiago de Compostela), Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, Vigo), Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG, Santiago de Compostela) e Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit, Santiago de Compostela).
O CSIC xestiona infraestruturas científicas que o Ministerio de Ciencia e Innovación recoñeceu, dado o seu carácter singular e único en todo o territorio nacional, como infraestruturas científicas e técnicas singulares (ICTS). En Vigo está a Sede Atlántica da Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM, con sede principal en Barcelona), rresponsable da xestión, mantemento e mellora das instalacións e equipos relacionados coa actividade investigadora en buques oceanográficos e bases polares, que lles dá soporte ás campañas en investigación. Desde esta sede, préstase servizo ao buque oceanográfico (B/O) Sarmiento de Gamboa, cuxa base de operacións está no porto de Vigo e que se destina á investigación mariña global. Polas súas características e potencialidade en equipamento, é o máis moderno e capacitado da frota oceanográfica nacional.
A presenza do CSIC en Galicia ten o seu reflexo tamén a través da súa participación no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA, Santiago de Compostela), entre cuxas actividades figura contribuír ao desenvolvemento e fortalecemento da capacidade competitiva das comunidades investigadoras galegas e do CSIC As súas infraestruturas, entre as que destaca o supercomputador Finisterrae II, foron parcialmente financiadas pola Comisión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; polo Goberno de España, a través do Ministerio; pola Xunta de Galicia e polo propio CSIC.
Unha das funcións do CSIC é a colaboración con outras institucións no fomento e a transferencia da ciencia e da tecnoloxía, así como a colaboración coas universidades nas actividades de investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico. Neste contexto, enmárcase a figura de Unidade Asociada ao CSIC, das que en Galicia hai tres —Sistemas Agroforestais, Agrobioloxía Ambiental. Calidade do Chan e Planta e Microalgas Nocivas-.
Dende a integración do Instituto Español de Oceanografía (IEO), conta tamén coas sedes de Vigo e A Coruña.