O vicepresidente de Investigación Científica e Técnica do CSIC e a delegada institucional do CSIC en Galicia acudiron onte á inauguración no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) do computador cuántico con maior potencia (32 cúbits) instalado nunha institución pública de I+D+i no sur de Europa. O computador estará aberto á investigación e á innovación de todos os sectores académicos e empresariais. Constituirá a principal infraestrutura do Polo de Tecnoloxías Cuánticas que está a impulsar o Goberno galego co obxectivo de colocar a Galicia á vangarda neste eido, apoiar o ecosistema innovador e atraer talento investigador.
A infraestrutura supón un investimento de 13,9 millóns de euros, financiados pola Xunta de Galicia con fondos do programa React UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 dentro da súa aposta pola transición dixital do sistema produtivo e por contar coas mellores infraestruturas de investigación.
O novo computador cuántico permitirá ás empresas, centros tecnolóxicos e grupos de investigación mellorar a súa competitividade e produtividade ao acceder a unha ampla variedade de aplicacións que transformarán os seus procesos e mellorarán as súas estratexias de investimento, o que requirirá de persoal cualificado. Así, ponse en marcha nas tres universidades galegas a primeira edición do mestrado en cuántica.
O contrato con Fujitsu, adxudicataria da licitación do computador cuántico, inclúe diferentes infraestruturas complementarias, e un plan de colaboración que incorpora a posta en marcha do centro internacional de excelencia en tecnoloxías cuánticas en Galicia. A iniciativa enmárcase no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia impulsado pola Xunta, no marco do cal se están a realizar investimentos por importe de máis de 30 millóns de euros.
Neste eido, vénse de poñer en marcha tamén a Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, unha rede de colaboración entre a Administración, os centros tecnolóxicos e de investigación, as universidades e o sector empresarial para sumar esforzos e avanzar no liderado de Galicia nestas tecnoloxías.
O acto estivo presidido pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana
