O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) participa mañá e pasado en CULTURGAL 2023 con “Buscando o Seminario de Estudios Galegos” e “X Campaña de Recollida de Dentes do Rato Pérez”.

A Feira das Industrias Culturais Galegas, CULTURGAL, terá lugar no recinto feiral no Pazo da Cultura de Pontevedra. Está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010 para dar continuidade e estabilidade a unha feira que arrancara de maneira exitosa en 2007. Forman parte dela as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Buscando o SEG” é unha iniciativa liderada polo Instituto de Estudos Galegos (CSIC, XUGA) co apoio da Delegación Institucional do CSIC en Galicia a través da súa Unidade de Cultura Científica.

Terá lugar mañá, sábado 2 de decembro, en horario de mañá (de 12.00 a 14.00 horas) e de tarde (de 16.00 a 18.00 horas).

“É unha actividade que consistirá na realización dun conxunto de xogos co obxectivo de dar a coñecer o que foi o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Estes xogos son: un de rapidez visual, de “Busca e atopa”, no que o desafío será localizar diversos elementos relacionados co SEG nun mapa de Galicia; un xogo de memoria de cartas co que tratar de descubrir as parellas; e, finalmente, un xogo consistente nun concurso de pistas para saber quen é o que mellor coñece o SEG. Ademais, as persoas participantes poderán levar unha chapa personalizada co elemento atopado e incluso algún outro agasallo”, explican os organizadores do IEGPS, Jeniffer Fernández González y Miguel García-Fernández.

A “X Campaña de Recollida de Dentes do Rato Pérez” terá lugar o domingo, 3 de decembro, en sesión de mañá (11.30 horas) e de tarde (16.30 horas), coincidindo coa proxección da película “Pérez, o ratiño dos teus soños”.

Esta iniciativa de ciencia cidadá promovida polo Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), entidade que organiza unha campaña anual de recollida de dentes de leite de nenos e nenas para fins científicos que abarcan desde o estudo da evolución humana ata análises forenses e odontolóxicas.  A campaña, que se desenvolve ininterrompidamente desde 2014, enmárcase no proxecto “Colección Rato Pérez”, iniciativa do grupo Antropoloxía Dental do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH) e da súa Unidade de Cultura Científica e Innovación. A colección xa abarca máis de 3.000 pezas.

En Galicia o CSIC, a través da Unidade de Cultura Científica da súa Delegación en Galicia, é a única institución que colabora co CENIEH nesta iniciativa que ten alcance internacional.

“A participación consiste na doazón do dente ou dentes de leite (deciduos) xunto coa achega dunha serie de datos detallados que quedarán recollidos nun formulario. A información obtida servirá para realizar importantes investigacións no ámbito paleoantropolóxico e forense. As investigacións que se levaran a cabo cos dentes están relacionadas coa dentición de especies extintas con interese na taxonomía, filoxenia, desenvolvemento e escenario evolutivo. Tódalas persoas doantes e as familias ou titores legais dos menores deberán asinar un permiso de doazón. A cambio da súa colaboración, o menor recibirá un diploma honorífico do CENIEH, distinguíndoo como membro do Equipo de Investigación de Axudantes do Rato Pérez”, explica o persoal do CENIEH responsable destas campañas.

“Facemos un chamamento ás familias e rapazada para que traían as súas pezas dentais a CULTURGAL e insistimos en en que teñen o permiso expreso do Rato Pérez para facer a Recollida”, din dende a UCC do CSIC en Galicia.