O CSIC en Galicia a través da Unidade de Cultura Científica (UCC) súmase este ano á “VI Campaña de recollida de dentes do Rato Pérez”, promovida polo Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH). Será no marco da Semana da Ciencia e a Tecnoloxía 2019, cuxas actividades comezaron o pasado 8 de novembro.

A actividade de recollida de dentes de leite farase na Feira das Industrias Culturais (Culturgal) de Pontevedra o vindeiro sábado 30 de novembro. A actividade complementarase cunha exposición de “Dentes e mandíbulas mariñas” e un obradoiro de hixiene dental.

A “Campaña de recollida de dentes do Rato Pérez” é unha iniciativa de Ciencia Cidadá na que a xente da rúa pode ser parte dun proxecto de investigación compartindo recursos, recompilando datos ou axudando a analizalos. Neste caso a participación é mediante a doazón de pezas dentais, tanto de leite como definitivas. Deste xeito, todas aquelas persoas que se acheguen o vindeiro sábado, día 30 de novembro, ata o Pazo da Cultura de Pontevedra e doen unha peza dental recibirán un diploma de axudante do Rato Pérez e un obsequio. Poderán facelo en horario de 11:00 – 13:00h (Espazo infantil: Ciencia á Feira), mentres que pola tarde haberá un carriño del CSIC circulando pola feira no que poderán tamén entregar as pezas.

En paralelo a esta actividade, desenvolverase, en horario matinal, un obradoiro de “dentes saudables”. Como froito da colaboración da UCC co del Ciclo Superior de Hixiene Bucodental do IES Manuel Antonio (Vigo), ofrecerase información aos máis pequenos e as súas familias sobre hábitos de hixiene saudables para ter unha dentadura ben coidada e san. Como mesmo obxectivo, daranse a coñecer os problemas derivados do consumo abusivo de determinados alimentos como as bebidas carbonatadas ou as lambetadas.

Así mesmo, co apoio do Instituto de Investigaciones Marinas (IIM-.CSIC), a Unidade de Cultura Científica levará ao Culturgal a exposición “Dentes e mandíbulas de organismos mariños”, mediante a cal se poderán identificar aos grandes carnívoros a través de pezas singulares.

Instituto de Investigaciones Agrobiológicas

Outro dos centros do CSIC en Galicia, que estará presente tamén na Feira das Industrias Culturais é o Instituto de Investigaciones Agrobiológicas (IIAG). Concretamente, o grupo de Biotecnología y Especies Leñosas do IIAG levará a Pontevedra unha actividade que ten por título “Un bosque viaxeiro”, mediante a cal explicarán de xeito ameno a reprodución das árbores, tanto en bosques como en laboratorio. O obradoiro acompañarase dunha exposición de sementes, follas e minibosques de árbores autóctonas de cultivo in vitro.

Trátase da sexta edición desta iniciativa que organiza o Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH) co obxectivo de reunir unha das coleccións de pezas dentais de referencia máis importante do mundo para estudos tanto da evolución humana como do ámbito forense.

No transcurso da feira terá lugar tamén un obradoiro de hixiene bucal e unha exposición de “Dentes e mandibulas mariñas” a cargo tamén de Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia e do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM).

O Instituto de Investigacións Agrobiológicas (IIAG) participa tamén no Culturgal cunha charla e un obradoiro sobre os bosques.