O 22 de abril é o Día Mundial da Terra. Unha efeméride que celebra a Organización de Nacións Unidas celebra desde 1970 para concienciar na responsabilidade de coidar e protexer o planeta tras observárense os primeiros indicios alarmantes da degradación por mor da acción do home. Sobre a importancia de preservar este recurso non renovable afonda o proxecto de divulgación científica que o Consello da Cultura Galega (CCG) iniciou no ano 2000 e que se concretou na banda deseñada titulada Vivir no solo. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, a delegada institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas en Galicia (CSIC), Carmen González; xunto cos científicos que participaron no proxecto, Francisco Díaz Fierros, Marilar Aleixandre e Montserrat Díaz Raviña; máis a coordinadora da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG, Elena Vázquez Cendón, presentaron esta mañá as últimas traducións. Con elas ponse o ramo a 25 anos de traballo nos que se traduciu a 11 linguas, tivo 14 edicións e do que se imprimiron máis de 70.0000 exemplares impresos. O proxecto conta cun especial web desde o que se poden descargar todas as edicións e recursos.
Vivir no solo é moito máis que unha banda deseñada, é un proxecto de difusión científica percorrido destinado para a mocidade que o CCG puxo en marcha no ano 2000. Desde entón non pararon as reedicións, adaptacións da historia ás novas normativas, traducións e do que se realizaron unha unidade didáctica e outra banda deseñada feita por escolares, recursos didácticos para dar a coñecer a importancia do solo como sistema vivo, necesario para a vida no planeta Terra. As máis recentes de todas esas accións son as traducións francés e ao portugués, apoiadas polas sociedades portuguesa e francesa da ciencia do solo, coas que se pecha o proxecto.
Un pequeno proxecto de gran percorrido
A banda deseñada contaba en 14 páxinas a historia de tres mozos que vivían nunha vila na que se daban diferentes problemáticas relacionadas co uso do solo. Na realización do proxecto participaron María Pilar Aleixandre como guionista, María Teresa Barral Silva e Francisco Díaz-Fierros como responsables da documentación e asesoramento e Fran Bueno, autor das ilustracións. Co tempo, este proxecto foi medrando en número de páxinas ata chegar ás 20 e contar con novas traducións e adaptacións.
En 2015, co gallo do Ano internacional do suelo, a Delegación da Sociedad Española de la Ciencia del Suelo en Galicia e o CSIC promoveron a súa adaptación e reedición o castelán para difundila a nivel nacional, coa coordinación de Montserrat Díaz-Raviña. Baixo o paraugas do proxecto Ciudad Ciencia, iniciativa do CSIC a través da súa Vicepresidencia Adjunta de Cultura Científica e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, xurdiu a edición dixital e unha tiraxe de 10.000 exemplares impresos. Os exemplares en formato papel distribuíronse nos centros educativos das 43 cidades adscritas ao proxecto, entre as que estaban Cangas de Morrazo e Nigrán. Tamén se editou en galego coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela. O proxecto complementouse nese ano con varias unidades didácticas en galego, castelán e inglés. Na súa realización participaron Mara Noemí Rodríguez Fonteboa como guionista, María Teresa Barral Silva, Montserrat Díaz Raviña e Francisco Díaz-Fierros como responsables da documentación e asesoramento e Montserrat Díaz Raviña como coordinadora. Esta unidade consta de 28 páxinas diferenciadas en dúas partes: a primeira é a común a este tipo de materiais (contexto, obxectivos, contidos, método, criterios de avaliación) e a segunda está directamente relacionada con diferentes actividades que se poden realizar co mesmo (lectura, conceptos básicos do solo, actividades de laboratorio de campo, etc) para facilitar o labor do profesorado.
Posteriormente, foi obxecto de diversas traducións e adaptacións a novos idiomas: ao catalán, co financiamento do Centro de Estudios Catalanes e a Diputació de Lleida; ao inglés, con cargo á Universidade de Santiago de Compostela; e ao italiano da man da Sociedade Italiana da Ciencia do Solo, a Unión Internacional do Solo e o Parque de Nebrodi (Sicilia, Italia). Precisamente esta última institución, desenvolve cada 5 de decembro, Día Mundial do Solo, o concurso “Vivere nel suolo: Gionarta Mondiale do Suolo” sobre traballos baseados nos contidos desa banda deseñada.
A edición en galego está presente en todas as Bibliotecas dos Centros Educativos de Galicia incluídas no Plan de Bibliotecas Escolares.
O CCG e os formatos divulgativos
Vivir no solo foi o primeiro título dunha serie de bandas deseñadas ideadas desde o Consello da Cultura Galega co obxectivo de incorporar a ciencia dentro da bagaxe cultural da cidadanía. No caso da poboación infantil, buscáronse os cómics como mellor formato para chegar aos máis pequenos. A idea partiu dun asesoramento científico, ao que se lle sumou o labor dunha escritora especializada en literatura infantil e o dun recoñecido debuxante para darlle forma. Con estas premisas editáronse en total catro cómics: O sabor das Mazás, Parando a marea negra e De quen é a auga.