A Cidade da Cultura e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) apoian o desenvolvemento dunha nova residencia que combina investigación e experimentación artística para achegar ao público conceptos, teorías e coñecementos académicos dos eidos da antropoloxía e das ciencias sociais. Mudar a pel é o título deste proxecto que están a realizar no Gaiás a profesora e investigadora da UPV/EHU, Mari Luz Esteban, o musicólogo e gaiteiro, Llorián García, e o historiador e artista sonoro, Andrés Rodrigues, baixo a coordinación do investigador do INCIPIT-CSIC, Íñigo Sánchez-Fuarros.

A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e a vicedirectora do INCIPIT e presidenta da Asociación de Antropología del Estado Español (ASAEE), Cristina Sánchez Carretero, participaron esta mañá nun encontro cos artistas e investigadores, que presentarán o resultado do seu traballo no marco do XVI Congreso Internacional de Antropoloxía que se celebra na Coruña.

Esta primeira residencia de investigación e experimentación artística na que colaboran o INCIPT e a Cidade da Cultura amplía as accións de apoio á creación impulsadas pola Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás. Neste ano 2023, unha vintena de proxectos vinculados coas artes escénicas e performativas, a danza, a música, o audiovisual, a literatura e as artes visuais beneficiáronse dos espazos, recursos técnicos e relacionais que o Gaiás pon á súa disposición.