Centro Tecnolóxico da Auga
O Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua) é unha fundación privada sen ánimo de lucro cuxa función é integrar, xestionar e executar proxectos de investigación para promover solucións innovadoras no ciclo integral da auga A súa organización baséase en investigación colaborativa dos ámbitos privado, público e científico, representando así un modelo pioneiro de colaboración entre Administración, universidade e empresa. O seu ecosistema está formado por catro entidades independentes que seguen a mesma estrutura, comparten estratexia e traballan en colaboración: Barcelona (2007), Galicia (2011), Andalucía (2014) e Chile (2016). O CSIC é cofundador nos catro casos e participa nos seus padroados.
Cetaqua Galicia foi cofundado en 2011 como Fundación Centro Gallego de Investigacións da Auga por Viaqua , Consello Superior de Investigacións Científicas e Universidade de Santiago de Compostela. Sitúase no Edificio Emprendia (Campus Vida, Santiago de Compostela). En 2017, o Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España cualificouno como un dos centros de apoio á innovación tecnolóxica, o único dedicado en exclusiva á auga e o medio ambiente.