O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través da Unidade de Cultura Científica (UCC) da Delegación Institucional en Galicia, participa este sábado, 30 de novembro, en “CULTURGAL. Feira das Culturas Galegas”, evento que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra (Pazo da Cultura) e que vai camiño da súa XVI edición.

O CSIC, que xa participou en anteriores edicións, volve este ano con dúas propostas.

Por unha banda, con “Hi Score Science”, xogo gratuíto de preguntas e respostas sobre ciencia para dispositivos móbiles, iOS e Android – e para PC, Mac- e Linux, cuxo obxectivo é aumentar a cultura científica dos usuarios dun modo divertido.

Polo momento, o xogo só estaba en español, inglés, francés, aragonés e eúscaro. Agora, coa colaboración do Consello da Cultura Galega, vén de traducirse a galego. Así, CULTURGAL será a primeira ocasión para facer uso desta iniciativa en galego.

Hi Score Science non é só un xogo de preguntas e respostas sobre ciencia, senón que permite ao público participante introducirse na investigación e os seus avances da man de do Instituto de Nanociencia e Materiais de Aragón (INMA) e do Instituto de Síntese Química e Catálisis Homoxénea (ISQCH), -ambos centros mixtos entre o CSIC e a Universidade de Zaragoza-. O xogo inclúe explicacións divulgativas da realidade científica que se esconde detrás de cada unha das respostas, buscando incentivar a curiosidade da cidadanía pola ciencia.

Recibiu varios premios e recoñecementos a nivel internacional, nacional e rexional, entre os que destacan o Primeiro Premio no certame internacional de Ciencia en Acción na modalidade “Materiais Didácticos de Ciencias en Soporte Interactivo” (Premio IBM), o SELO D+I TOP, un recoñecemento a nivel nacional que premia aos mellores proxectos de divulgación científica inclusiva, o nomeamento aos Premios Terceiro Milenio na categoría “Divulgación en Aragón” e o accésit nos Premios CSIC de Divulgación e Ciencia Cidadá na categoría Proxectos de Divulgación.

Tódalas persoas que se acheguen a mesa da UCC na Culturgal (Espazo C) poderán probalo xogo e levarán un agasallo se acertan algunha das preguntas.

Por otra banda, o CSIC estará na CULTURGAL coa “XI Campaña de Recollida de Dentes do Rato Pérez”, iniciativa que parte dun proxecto de investigación para reunir o máximo número de pezas dentais e así ampliar a colección de referencia do Grupo de Antropoloxía Dental do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH). As investigacións que posteriormente se levan a cabo cos dentes están relacionadas coa dentición de especies extintas con interese na taxonomía, filoxenia, desenvolvemento e escenario evolutivo.

Tódalas persoas doantes e as familias ou titores legais dos menores deberán asinar un permiso de doazón. A cambio da súa colaboración, o menor recibirá un agasallo e un diploma honorífico do CENIEH, distinguíndoo como membro do Equipo de Investigación de Axudantes do Rato Pérez.