O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro de investigación mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia (XUGA), presentou esta mañá a guía didáctica “Frei Martín Sarmiento”, iniciativa promovida polo devandito Instituto no marco da conmemoración, en 2022, dos 250 anos do falecemento do Padre Sarmiento, padroeiro do IEGPS.

A obra, dunhas 60 páxinas, está editada por Editorial CSIC e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O acto de presentación contou coas intervencións do director do IEGPS, Pablo S. Otero Piñeyro Maseda; Jeniffer Fernández González en representación dos autores (ela mesma, Miguel García Fernández e María Rivo Vázquez, persoal técnico de investigación do IEGPS), da ilustradora, Patricia Díaz Soto, e do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.

Trátase da primeira guía didáctica que se elabora desde o IEGPS e é unha mostra máis do decidido compromiso deste centro coa divulgación científica. Está escrita integramente en galego e o seu obxectivo é achegar, dun xeito divulgativo, a vida, viaxes, escritos e pensamento do Padre Sarmiento sobre temas tan diversos como as ciencias naturais, o patrimonio documental e histórico-artístico, a lingua galega ou a condición das mulleres. Todo iso a través de textos, ilustracións e actividades que se acompañan dun xogo de cartas sobre o patrimonio monumental que puido ver Frei Martín Sarmiento nas súas viaxes a Galicia.

Consta duns 15 bloques teóricos, coas súas correspondentes actividades didácticas. Ademais, incorpóranse varios “Sabías que…?” que permiten ampliar os contidos con curiosidades, explicacións a termos técnicos, citas literarias e exercicios. Así mesmo, propónselles aos lectores descifrar unha mensaxe secreta escondida ao longo das páxinas da guía.

Publicouse en versión impresa, cunha tirada non venal de 500 exemplares, e tamén se pode descargar gratuitamente na páxina web do IEGPS e na de Editorial CSIC. O mesmo equipo está a traballar nunha nova guía sobre o Seminario de Estudos Galegos no marco das conmemoracións polo centenario da súa fundación. A súa publicación estímase para 2024, tamén baixo o selo de Editorial CSIC