Luisa Martínez Lorenzo, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, e María José Martínez Vispo, integrante da UCC do CSIC en Galicia.

Falamos con elas do certame AntarticLab CSIC, promovido dende a UCC do CSIC en Galicia e a UTM coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia no marco do Plan Proxecta+ e o apoio tecnolóxico da empresa Marine Instruments. A iniciativa enmárcase no “Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible 2021-2030”.

Que é AntarticLab CSIC?

É un certame dirixido a estudantes de Ciclos de Formación Profesional que ten por obxectivo o deseño de proxectos e ensaios innovadores vinculados á exploración oceánica e á investigación polar, que serán postos en funcionamento nas inmediacións da Base Antártica Española Juan Carlos I (BAE). A iniciativa xurde da colaboración entre a UTM do CSIC e a UCC da Delegación del CSIC en Galicia, conta co apoio tecnolóxico de MARINE INSTRUMENTS e forma parte do Plan PROXECTA + da Consellería de Cultura, Educación e Universidades.

Que supón esta oportunidade?

Esta convocatoria é unha oportunidade para aplicar a creatividade ao desenvolvemento e fabricación de instrumentos e dispositivos, e ao deseño de ensaios e experimentos nun ambiente extremo como o do continente antártico. Os cinco proxectos recibidos deixan ver as capacidades do alumnado e docentes da Formación Profesional e a necesidade destes perfís no eido da investigación científica.

Que actividades se levaron a cabo no marco deste certame?

Unha das primeiras actividades foi unha sesión formativa online con Joan Riba, xefe da BAE, na que se abordaron aspectos prácticos relacionados coas condicións ambientais do entorno da Base, e sobre a habitabilidade e condicións de vida do persoal científico e técnico que traballa na instalación. Esta primeira actividade permitiu aos centros coñecer os requirimentos e características especificas que debían ter os seus prototipos ou ensaios.

Tras esta primeira toma de contacto, estudantes e docentes dos centros participantes tiveron a oportunidade de  desfrutar dunha formación técnica online a cargo de persoal de Marine Instruments, empresa tecnolóxica situada no Parque empresarial Porto do Molle (Nigrán), centrada na innovación e que, desde Galicia, é líder mundial no desenvolvemento e fabricación de equipos electrónicos adaptados ao medio mariño. A sesión permitiu aclarar dúbidas sobre as ideas iniciais dos proxectos, e tamén ofrecer ferramentas e  solucións tecnolóxicas aplicadas a cada caso.

A última das actividades asociadas a este certame foi a visita ás instalacións de Marine Instruments, guiada por persoal técnico, que amosou a estudantes e docentes os deseños industriais máis avanzados e os que están en fase de desenvolvemento. No percorrido polas instalacións, os visitantes puideron ver todo o proceso de fabricación desde a idea inicial, a cadea de montaxe e os controis finais. O persoal da empresa fixo fincapé na necesidade de incorporar perfís cualificados da Formación Profesional nas empresas tecnolóxicas.

Desde a Delegación agradecemos e valoramos en gran medida o compromiso de Marine Instruments con este proxecto, ao que aportaron asesoramento e parte do instrumental necesario para a fabricación dos prototipos.

Que supón para a UCC, dentro das súas liñas de actuación, este certame?

Entre os compromisos da Delegación Institucional está o de dar apoio ás iniciativas de Cultura Científica que xurdan desde os centros, a través da súa UCC. Neste sentido, o CSIC en Galicia ten un poderoso “músculo azul” coa presenza na comunidade autónoma do Instituto de Investigacións Mariñas, os Centros Oceanográficos de Vigo e A Coruña e a Sede Atlántica da UTM. Neste escenario a divulgación da investigación mariña é unha liña prioritaria das que se abordan desde a Unidade.

Queremos destacar tamén a implicación e apoio do persoal da UTM nesta iniciativa, co subministro de materiais e coa organización do traslado dos prototipos que partirán proximamente cara á Antártida no BIO Hespérides.

Agora que os prototipos están xa fabricados e deseñados os ensaios, que valoración facedes do certame?

Desde a UCC estamos moi satisfeitas cos resultados acadados. As propostas recibidas poden chegar a mellorar a calidade de vida do persoal da BAE, incluíndo o benestar psicolóxico.

Nestes momentos estamos expectantes por avanzar no certame cara a fase final do AntarticLab CSIC na que os prototipos e ensaios viaxarán á Antártida e serán postos en funcionamento polo persoal da UTM, é unha das mais motivadoras e emocionantes tanto para alumnado e docentes, como para nós como organizadoras.