O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) únese á conmemoración do Día Mundial dos Océanos (8 de xuño) e do inicio da Década das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible (2021-2030), declarados pola Organización das Nacións Unidas (ONU).

O 12 de xuño en Praia América ( Nigrán) celebrarase “Nigrán Con-Ciencia. Activistas de lapis e pincel. No mesmo lugar mostrarase a exposición “Ciencia Á Vista”, promovida polo IIM, e “Oceánicas: a muller e a oceanografía”, do IEO-Vigo.

A iniciativa enmárcase nas campañas de concienciación medioambiental que leva a cabo o Concello de Nigrán, vila adscrita ao proxecto “Ciudad Ciencia CSIC”. Polo tanto, enmárcase tamén no proxecto ‘Científicas e Cambio Global. Programación da Rede de Cultura Científica do CSIC”.

Está organizada pola Delegación do CSIC en Galicia a través da Unidade de Cultura Científica (UCC) e o Concello de Nigrán. Participa o IIM e o Instituto Español de Oceanografía-Vigo, colabora o IES Audiovisual de Vigo e conta co apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía-Ministerio de Ciencia e Innovación. A actividade forma parte ademais, da programación do proxecto “Ciudad Ciencia”, que ofrece accións de divulgación científica a 50 vilas de toda España.

“O obxectivo desta iniciativa é dar visibilidade aos retos da Axenda 2030 a través dunha campaña de sensibilización social sobre o papel da cidadanía na conservación da súa contorna máis próxima e a súa contribución aos grandes retos globais. En concreto, esta actividade céntrase nos obxectivos de desenvolvemento sostible ODS 13: Acción polo Clima e ODS 14: Vida Submarina, no marco da actual situación de Cambio Global que vivimos.”, explica Luisa Martínez Lorenzo, responsable da UCC do CSIC en Galicia que engade que “a actividade fomenta os encontros entre persoal científico e técnico cos participantes, dando visibilidade ao papel das mulleres científicas que traballan en investigación mariña a través da exposición Oceánicas: a muller e a oceanografía”.

“O evento consistirá nunha xornada de inspiración científica ao aire libre ao redor da ilustración, guiada por profesionais do mundo da arte e onde estará persoal científico e técnico do IIM e do IEO cos que se poderá debater sobre a investigación mariña”, avanza.

Haberá un espazo para o público infantil (3 anos en diante) con tres quendas (11.00 horas, 16.30 horas e 18.30 horas) con prazas limitadas a 25 participantes por quenda. Este “Obradoiro de creatividade mariña” estará guiado por MATRÁCALA e a ilustradora Olalla Fernández.

Os obradoiros para o público xuvenil e adulto serán en horario continuo de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas, e estarán guiados por Sandra Amelines (Obradoiro Crea o teu propio caderno de campo) e Conchi Cuadrado ( Obradoiro Arte Cuadrado – varias técnicas: acrílico, óleo, pastel…).

En paralelo, no mesmo lugar, poderanse visitar as exposicións “Ciencia Á Vista con Yoel Iglesias Sotelo”, promovida polo IIM, e “Oceánicas: a muller e a oceanografía” do Centro Oceanográfico de Vigo IEO.