O 27 de outubro arredor de 150 representantes das 14 institucións e centros de investigación que conforman o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia reuníronse para compartir o avance nos resultados dos traballos executados. Entre outros cometidos, buscábase presentar, intercambiar e debater sobre resultados de investigación e coñecemento científico no ámbito das ciencias mariñas centrándose nas tres liñas de actuación do plan: observación e monitorización do medio mariño e do litoral, produción acuícola sustentable e coordinación e transformación social e económica para a resiliencia.

O encontro, que tivo un enfoque científico-técnico, estivo organizado pola Universidade de Vigo (UVigo), representada polo Centro de Investigación Mariña (CIM) e Campus do Mar; o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) e o Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR).

Durante esta xornada, abordáronse os avances logrados ata o momento a través dunha quincena de presentacións orais e paneis co propósito de establecer unha estratexia futura máis sostible para o sector mariño galego. Na sesión de tarde tivo lugar o obradoiro “Retos multinivel no mexillón: aproximación multidisciplinar dende o Programa de Ciencias Mariñas” no que participaron un total de 40 investigadores e investigadoras.

A este encontro asistiron, ademais das entidades coordinadoras do Programa, representantes das institucións e dos centros de investigación implicados: a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UdC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), Meteogalicia, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e os centros propios da Consellería do Mar, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Instituto Galego de Formación Acuícola (IGAFA).