Carmen González Sotelo

Delegada Institucional do CSIC en Galicia (2023 – Actualidad)
Profesora de Investigación (IIM)

Caracas, 1961

Licenciada pola Universidade de Navarra (1984) e doutora (1991) en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Realizou estancias de investigación no estranxeiro (Brandeis University –EE.UU.; Torry Research Station –Reino Unido- ou University of Texas Branch –EE.UU…), e gañou unha praza de científica titular do CSIC no ano 1998, a través da que comezou a traballar no IIM, dentro do grupo de Bioquímica dos Alimentos. En 2005 promocionou dentro da escala de persoal científico do CSIC a investigadora científica e en 2022 a profesora de investigación.

Entre as súas liñas de investigación figuran o desenvolvemento de métodos de análises que permitan garantir a rastrexabilidade e a correcta etiquetaxe de produtos da pesca e acuicultura, a valorización de subproductos de pesca e acuicultura, e en concreto o estudo do potencial do colágeno e os hidrolizados de colágeno proveniente de residuos de pel en aplicacións biomédicas e cosméticas.

Autora de máis de 100 artigos de investigación publicados en revistas de alto impacto incluídas na base de datos Science citation index (SCI) e de tres patentes para a identificación de especies en conservas de produtos mariños. Participou en máis 15 proxectos de investigación de ámbito nacional e autonómico e en 11 proxectos da Unión Europea, sendo a investigadora principal de preto de 19 proxectos, entre os que figuran “UE DNAIS” e “LABELFISH”, dos que foi coordinadora.

Na actualidade, coordina “SEATRACES”, financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico, no que participan 10 socios de 5 países europeos, e o proxecto do Plan Estatal “SEAFOOD-IDE”. En ambos se está traballando en metodoloxías que permitan a verificación da orixe xeográfica dos produtos da pesca e acuicultura, así como outros aspectos relacionado coa información que de maneira obrigatoria debe figurar nestes alimentos.

No ámbito da xestión, foi directora (2011-2015) do IIM, instituto do que tamén foi vicedirectora.

Javier Rey Campos

Delegado Institucional do CSIC en Galicia (2021-2023)
Científico titular (MBG)

Pontevedra, 1958

Licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1980) e doutor (1986) en Bioloxía pola Universidade Autónoma de Madrid. Realizou estancias posdoutorais en centros de investigación de Nova York e París. Desde 1993 é científico titular do CSIC.

Iniciou a súa carreira investigadora no Centro de Investigacións Biolóxicas. As súas investigacións centráronse, fundamentalmente, na Bioloxía Molecular de virus animais como o virus da peste porcina africana; a xenética humana dos xenes do sistema de complemento ou a regulación da expresión xenética en animais.

Dende 2004 a súa labor centrouse, especialmente, na xestión, o análise e as estratexias da I+D+i. Na súa traxectoria figura o feito de ser director fundacional da Fundación Xeral CSIC (2009-2012), entidade privada sen ánimo de lucro que se constituíu en 2008 por iniciativa do CSIC e co apoio dos seus patrocinadores fundacionais co principal cometido de facilitar, promover, potenciar e articular financiamento privado para o desenvolvemento de iniciativas público-privadas no CSIC e outras entidades públicas de I+D. Tamén foi coordinador adjunto da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva, e vocal asesor da Presidencia do CSIC.

Dende 2014 está destinado na Misión Biolóxica de Galicia. Ademais, é colaborador externo da Axencia Estatal de Investigación e tamén colabora coa Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia.

Antonio De Ron Pedreira

Delegado Institucional do CSIC en Galicia (2019-2021)
Profesor de investigación (MBG)

Lugo, 1952.

Doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e experto universitario en Métodos Avanzados de Estatística Aplicada pola Universidade Nacional de Educación a Distancia. Vinculado ao CSIC dende 1983, a súa carreira científica desenvólvese na MBG, onde fundou os grupos de Leguminosas (1988) e Bioloxía de Agrosistemas (2013).

As súas liñas de investigación son a biodiversidade agraria e a xenética e mellora vexetal das leguminosas.

É profesor no Máster Universitario en Xenómica e Xenética (Universidade de Santiago de Compostela-Universidade de Vigo), membro da Comisión de Títulos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, presidente da Sociedade de Ciencias de Galicia e líder do Protein Crops Working Group (Asociación Europea para a Investigación en Melhora de Plantas).

Foi catedrático de Instituto, profesor asociado na Universidade de Santiago de Compostela, profesor-titor da Universidade Nacional de Educación a Distancia, presidente da Asociación Española de Leguminosas e membro do Coordinating Committee de Bean Improvement Cooperative.

Eduardo Pardo de Guevara y Valdés

Coordinador do CSIC en Galicia (2012-2019)
Profesor de investigación (IEGPS)

Ponteceso (A Coruña), 1952.

Doutor en Historia Medieval pola Universidade Complutense de Madrid. Ingresou no CSIC en 1988 e estivo destinado na Institución “Milá i Fontanals” (Barcelona) e no Instituto de Historia (Madrid). En 1994 incorporouse ao IEGPS, dende o ano 2000 mixto do CSIC coa Xunta de Galicia, e do cal é director.

As súas liñas de investigación centranse no ámbito da Historia da Baixa Idade Media e, de maneira máis específica, na historia social do poder (historia política e social dos grupos de poder en Galicia); tamén cultiva os estudos de Xenealoxía e Heráldica medievais.

Vicepresidente da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e do Comité Español de Ciencias Históricas. Presidente do Instituto Internacional de Xenealoxía e vicepresidente académico da Confederación Iberoamericana de Xenealoxía. Tamén é académico de número da Académie International d’Héraldique, da Académie Internationale de Généalogie e da Real Academia Matritense de Heráldica y Genealogía, así como correspondente da Real Academia de la Historia e da Real Academia Hispanoamericana de Cádiz, ademais de membro de honra ou correspondente de máis dunha vintena de outras institucións e corporacións académicas europeas e americanas.

Uxío Labarta Fernández

Coordinador do CSIC en Galicia (2006-2012)
Profesor de investigación (IIM)

Santiago de Compostela (A Coruña), 1949.

Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Ingresou no CSIC en 1972. O seu traballo científico desenvolveuse no IIM, primeiro no Grupo de Pesqueiras, e dende 1986 no Grupo de Modelos Ecofisiolóxicos, Capacidade de Carga dos Ecosistemas e Impacto do Cambio global en Moluscos Bivalvos, onde desenvolveu o CSIC-PROINSA Mussel Lab.

Profesor ad honorem do CSIC. As súas liñas de investigación desenvólvense no campo da ecoloxía mariña, con especial referencia ao espazo económico e ecolóxico das rías e, en particular, a estudos de enerxética fisiolóxica, modelado e cultivo de moluscos bivalvos, con especial énfase no mexillón. Colabora dende 1998 co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, da Universidade de Santiago de Compostela, como coautor no anuario “A Economía Galega”.

Foi director do Gabinete de Estudos da Presidencia do CSIC (1983-1986), asesor da Presidencia do CSIC (1986-1988) e director do IIM (1990-1994). Como xestor de I+D exerceu como secretario do Programa Nacional de Recursos Mariños e Acuicultura – Plan Nacional de Investigación Científica y Técnica- (1988-1989), xestor do Plan Especial I+D Acuicultura da Comisión Asesora de Investigación Científica y Técnica (1985-1987), membro da Comisión Científica Asesora da Xunta de Galicia (Consellería de Educación, 1984-1986) e vocal do Consello Rector do Instituto Español de Oceanografía (2005-2011). Na súa traxectoria figura tamén o ter sido membro electivo do Pleno do Consello da Cultura Galega (1990-1993), deputado no Parlamento de Galicia na IV Lexislatura (1993-1997), membro do Consello de Administración do Grupo Galaxia (2008-2012) e secretario de Redacción da revista ARBOR (1985-1986). Formou parte do Consello de Redacción de “GRIAL Revista Galega de Cultura” (2003-2019). Dende 2002 é columnista de Opinión de La Voz de Galicia.

Amando Ordás Pérez

Coordinador do CSIC en Galicia (2002-2006)
Profesor de Investigación (MBG)

León, 1945.

Doutor Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid e Máster en Ciencias en Melhora Xentética Vexetal e Estatística pola Universidade de Minnesota (EE.UU.).

Vinculado ao CSIC dende 1975, a súa carreira científica desenvólvese na MBG, onde fundou os grupos de Melhora e Xenética de Millo, e Melhora e Xenética de Brásicas.

Profesor ad honorem do CSIC. As súas liñas de investigación son a melhora xentética vexetal, a xenética cuantitativa e a conservación do xermoplasma. Entre os seus logros científico-técnicos cómpre mencionar a creación do banco de xermoplasma da MBG, inicialmente centrado en millo e brásicas, e posteriormente ampliado por outros investigadores a outras especies de interese de Galicia, e a obtención do híbrido de millo DMB 15-70 que, durante unha década, foi o máis extendido en Galicia no seu ciclo de maduración.

Foi research assistant (1972-1973) do Departamento de Agronomía e Xenética Vexetal da Universidade de Minnesota (EE.UU.); director da MBG (1986-1989, 1991-2002); director de Investigación de Producción Vexetal do Goberno Vasco (1989-1991); membro da Comisión Nacional de Estimación de Millo e Sorgo do MAPA (1989-2015); profesor do Máster Internacional de Melhora Xentética Vexetal do Instituto Agronómico Mediterráneo de Zaragoza (1989-2017); profesor asociado de Producción Vexetal da Universidade de Vigo (1991-2012); representante de España na Xunta Directiva de EUCARPIA (European Association for Research on Plant Breeding) (1998); membro da Comisión Asesora do Programa de Conservación e Utilización de Recursos Fitoxenéticos do MAPA (1996-2015) e do Comité de Selección de Política Científica da Xunta de Galicia (1999-2002); coordinador, por designación do CSIC, do Plan Científico da Illa de La Palma (2001–2013); presidente do grupo de Mellora Xentética e vocal da Xunta Directiva da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (2010-2014); e profesor do Máster de Tecnoloxía Medioambiental (2009-2014) e do Máster de Ecosistemas Terrestres, Usos Sostibles e Implicacións Medioambientais (2011-2013) da Universidade de Vigo.

María Cruz Mato Iglesias

Coordinadora do CSIC en Galicia (1992-2002)
Investigadora científica (IIAG)

Doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, completou a súa formación nas Facultades de Ciencias das Universidades de Lausanne e Montpellier. Ingresou no CSIC en 1965. A súa carreira científica desenvolveuse no IIAG, no Departamento de Fisioloxía Vexetal.

As súas áreas de investigación comprenden a fitosocioloxía, a fisioloxía e bioquímica vexetais, cunha dedicación especial ás hormonas e aos produtos do metabolismo secundario en relación co crecemento vexetal.

Foi profesora de Botánica na Universidade de Santiago de Compostela (1957-1965; 1969-1973) e directora do IIAG (1984-1994).

José Manuel Gallardo Abuín

Coordinador do CSIC en Galicia (1985-1992)
Profesor de investigación (IIM)

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 1944.

Doutor en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Ingresou no CSIC en 1972. A súa carreira científica desenvolveuse na Sección de Conservas de Peixe do Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo e no ano 1979 creou o grupo de Química de Produtos Mariños.

A súa investigación centrouse nas modificacións dos constituintes químicos durante os procesos de conservación, transformación e almacenamento de peixe, a súa relación coa calidade e beneficios para a saúde, tendo participado en numerosos proxectos de investigación nacionais, internacionais e empresariais.

Ocupou, entre outros, o cargo de director do Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo (1979-1983), vocal da Comisión Científica do CSIC (1983-1985), director en funcións da MBG (1989-1991), membro da Comisión Asesora de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia (1982), profesor do Máster de “Xestión e Desenvolvemento da Industria Alimentaria” da Universidade de Oviedo (1992-2017), membro da Comisión de Selección e Avaliación Científica da Xunta de Galicia (1997-1998), xestor do Programa de Promoción Xeral da Investigación do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Presidencia da Xunta de Galicia (1999-2003) e do Programa Sectorial de Tecnoloxías da Alimentación da Dirección Xeral de Innovación da Xunta de Galicia (2003-2005).