O “Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC)”, a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), e a Edicións Xerais de Galicia continúan mañá en Santiago de Compostela co ciclo de presentacións do “Atlas arqueolóxico da paisaxe galega”, obra que presenta, a través de máis de 300 páxinas e 18 láminas, as diferentes formas de paisaxe que se sucederon en Galicia dende o neolítico ata a época medieval.

Ás 19.00 horas no Consello da Cultura Galega Felipe Criado Boado (Incipit), Manuel Bragado Rodríguez (Xerais) e Elena Cabrejas presentarán o libro ao público xeral nun acto con entrada libre que estará presidido por Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega.

O libro: estrutura e obxectivo

O “Atlas arqueolóxico da paisaxe galega” divídese en sete capítulos: Introdución sobre o estudo da paisaxe e a arquitectura dende la arqueoloxía; Síntese da historia ambiental e cultural de Galicia; A formación da paisaxe tradicional; A primeira paisaxe monumental (4500-2500 A.C.); A paisaxe dividida (2500-800 A.C.); A paisaxe fortificada (800 A.C. ata o cambio de era) e Os cimentos da paisaxe tradicional no mundo romano e alto medieval.

Reflicte resultados de investigación derivados de dous proxectos liderados polo Incipit: “Atlas das paisaxes culturais de Galicia”, financiado polo Plan Galego de I+D+i (2006-2010), e “Tecnologías para la conservación y revalorización del patrimonio cultural”, do programa Consolider-Ingenio 2010.

“ Ademais, nútrese das investigacións realizadas durante as dúas últimas décadas por persoal vinculado ao CSIC e á Universidade de Santiago de Compostela, dende diferentes perspectivas e disciplinas. En total, conta coa participación de 21 autores e autoras”, destaca Felipe Criado Boado, coordinador do libro xunto con César Parcero Oubiña, Carlos Otero Vilariño, Elena Cabrejas e Anxo Rodríguez (quen se ocupou do deseño e da execución gráfica).

O libro aborda o estudio da construción sociocultural da paisaxe en Galicia, prestando atención aos catro principais tipos de paisaxe que a arqueoloxía pode axudar a identificar e caracterizar: fósil, continuo, asociativo e enterrado. Así, por exemplo, presta atención á paisaxe megalítica do Barbanza, á paisaxe de terrazas do monte Gaiás (Santiago de Compostela) á paisaxe simbólica da parroquia de Cereixa (Pobra de Brollón), entre outros.

“Estas temáticas e estes caos de estudio proporcionan ao lector datos e interpretacións para reconstruír a formación do medio rural e aproximalo a unha historia ecolóxico-cultural de Galicia, entender as formas de construción humana da paisaxe e comprender a interacción entre paisaxe e a tradición popular”, destacan Felipe Criado Boado, César Parcero Oubiña e Carlos Otero Vilariño.

 Ciclo de actos de presentación para o público xeral

Co obxectivo de acercar a obra ao público xeral, o Incipit e Xerais están levando a cabo un ciclo de actos de presentación do “Atlas arqueolóxico da paisaxe Galicia”.

O ciclo arrincou o 16 de xuño en Vigo cun acto na Casa do Libro que contou coas intervencións de Felipe Criado Boado (Incipit), César Parcero Oubiña (Incipit), Manuel Bragado Rodríguez (Xerais) Xosé Luís Méndez Ferrín e Uxío Labarta Fernández.