A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra mañá mércores 18 de xaneiro no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, a entrega dos Premios de Investigación que concede anualmente. O acto, que coincide coa apertura do curso académico da institución, estará aberto ao público e celebrarase a partir das sete da tarde, coa presenza dos membros do grupo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) responsables dos proxectos científicos galardoados, ademais dos autores dos dous traballos recoñecidos con mencións honoríficas.

Farán entrega dos premios o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey.

O traballo galardoado co Premio de Investigación 2016, dotado con 6.000 euros, describe un innovador método de detección do parásito anisakis no peixe fresco, moi demandado pola industria pesqueira e polas autoridades de inspección alimentaria. O equipo responsable do proxecto forma parte do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) que o CSIC ten en Vigo e está formado por Mónica Carrera, José Manuel Gallardo, Santiago Pascual, Ángel González e María Isabel Medina.

O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos, dotado con 2.000 euros, é para unha científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Os estudos de Silvia Barja, do Grupo de Fisiopatoloxía Endócrina do instituto, conclúen que unha dieta alta en graxa diminúe a produción no estómago dunha proteína capaz de actuar como protectora fronte á obesidade.

O elevado nivel das candidaturas levou nesta ocasión ao xurado a distinguir a maiores con senllas mencións honoríficas outros dous traballos realizados por matemáticos e químicos da Universidade de Santiago (USC).