O Mercado de Tomiño acolle este venres, 9 de xuño, unha xornada singular deseñada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A cita, titulada “A arte como fonte de información científica”, está coordinada por Luisa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC Galicia, e pretende poñer o foco no feito de que as diferentes manifestacións artísticas, desde as primeiras pinturas prehistóricas atopadas nas covas ata as de hoxe en día, son unha fonte de información moi valiosa para algunhas disciplinas da ciencia. O secretario do CCG, Silvestre Gómez Xurxo, e mais a coordinadora da xornada son as encargadas de inaugurar esta cita, que non se retransmite en directo pero que será gravada para a súa difusión posterior.

O exemplo do valor da arte barroca galega á hora de estudar a evolución histórica da viticultura en Galicia e a antigüidade dalgunhas variedades centrará o debate que manterán as científicas Ana Cao e Pilar Gago (Misión Biolóxica de Galicia – CSIC). Estará moderado por Luisa Martínez  e ao remate haberá un coloquio co público asistente.

Colaboracións previas

O CCG e o CSIC veñen colaborando na organización de actividades de divulgación científica en espazos atípicos. En 2022, organizaron “As xentes do mar”, unha xornada que buscaba fomentar o debate sobre o estado da pesca, a sustentabilidade, a conservación da biodiversidade ou a aparición de especies invasoras a través da traxectoria profesional da pescantina Laura González, da científica Luisa Iglesias García e do pescador e influencer Rogelio Santos Queiruga, que dedican ou dedicaron a súa vida ao traballo no mar. Nese mesmo ano, en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (IIM-CSIC), tivo lugar en Muros unha actividade para analizar a repercusión social que hai detrás do fenómeno coñecido como “mar de ardora”.

Máis información